Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Unha investigación combinará estudos de campo e laboratorio para dar respostas concretas sobre o impacto do vertido

Un método recoñecido universalmente aportará conclusións indiscutibles

Noelia Beceiro Lodeiro | Vigo

Ricardo Beiras

O proxecto aborda o estudo integrado da dinámica ambiental do vertido do Prestige, na zona costeira coma continuación dos traballos xa realizados polo equipo investigador dende o inicio do derrame. Trátase de avaliar a extensión e duración do impacto no medio (nos recursos explotables e non explotables), así coma coñecer os procesos naturais de restauración do mesmo.

Trátase dun proxecto coordinado de enormes dimensións no que participan 40 investigadores de catro universidades e 6 centros do CSIC e IEO. O proxecto combina estudos de campo con estudos de laboratorio, químicos e biolóxicos, co o obxectivo de dar resposta ás cuestións que aparecerán na fase crónica do vertido (periodo de 2-4 anos posterior ao accidente).

Dentro deste gran proxecto hai un subproxecto destinado especificamente a avaliar a toxicidade dos hidrocarburos e o impacto a posteriori do derrame do Prestige sobre os organismos. Este é o proxecto que levan a cabo un grupo de investigadores da Universidade de Vigo que conta con Ricardo Beiras coma investigador principal. Un total de seis profesores dos departamentos de ecoloxía e bioloxía animal e do departamento de química analítica, así coma tamén bolseiros pre e posdoutorais.

“Cando hai un accidente deste estilo hai que facer un estudo do impacto que causou o accidente. O principal problema para facer estes estudos de cuantificación do impacto tanto en termos ecolóxicos, coma, eso se leva tamén despois a termos económicos, é que se empeza a estudar unha vez que ocorreu o accidente porque este non se pode predicir. Entón, ou ben se buscan datos de antes do accidente ou senón se compara coa situación dentro de 2, 3, 4 anos cando se espera que xa estea recuperado”, explicou o profesor Ricardo Beiras.

O obxectivo deste proxecto é avaliar o impacto sobre os organismos dos ecosistemas mariños costeiros. É un estudo lento porque a comparación que van facer é co estado deses ecosistemas dentro de tres anos.

Este grupo de investigación comezou a tomar mostras dende novembro do ano pasado, xusto no momento en que ocorreu o accidente o que lles facilitará moito a labor a avaliación.

O grupo que dirixe Ricardo Beiras está a facer probas de ecotoxicoloxía, e dicir, probas nas que estudan as sustancias contaminantes nun laboratorio, cuns organismos de laboratorio que son especialmente sensibles a esas sustancias e miden os niveis desas sustancias que lles causan efectos daniños.

Neste caso estudan a toxicidade dos hidrocarburos poliaromáticos sobre organismos mariños que representan recursos económicos importantes para ver que niveis deses hidrocarburos poden afectar á súa supervivencia, á súa reproducción e os comparan cos niveis que os químicos atoparon no momento do accidente. Deste xeito pódese saber se eses niveis afectaron ou non a eses organismos.

O que pretenden é contestar ás preguntas que se fan a nivel social e non teñen respostas concretas, xa que as cuestións sobre contaminación son moi opinables pola súa presenza nos medios de comunicación e a súa espectacularidade. Eles o que pretenden é dar respostas a todas estas preguntas sociais pero, dende un punto de vista científico, cun método científico e facendo experimentos de laboratorio que lles dean resultados obxectivos, que lles permitan cuantificar ese impacto.

Evidentemente hai recursos que son máis afectados, especies que non se poden mover ou teñen pouca mobilidade e non poden fuxir no momento da marea negra. E hai outros recursos moi pouco afectados, por exemplo, os recursos pesqueiros, os peixes de altura non resultaron afectados porque son especies móbiles, que poden fuxir das zonas afectadas e reproducirse noutras.

Eles se centran máis no estudo de especies que poden ser máis afectadas, que son basicamente os recursos marisqueiros, que só se reproducen na costa.

A novidade que presenta este proxecto é que é moi aplicado, non se trata dun proxecto de investigación clásico, que é moito máis teórico.

Aparece un problema e hai que darlle unha reposta rápida, sen tempo suficiente para deseñar experimentos moi sofisticados. Neste senso, espérase que teña unha certa utilidade social. Xa que algúns datos que se deriven do proxecto servirán de información de cara, por exemplo, á petición de indemnizacións e cuestións dese estilo.

“Non é un proxecto moi sofisticado dende o punto de vista das técnicas que se utilizan senón que o que pretendemos é dar unha contestación clara a cuestións coma se a auga ou sedimento das zonas afectadas foi ou non foi tóxica para, por exemplo, a reproducción dos bivalvos.

Non nos interesa utilizar métodos específicos desenvolvidos por nós mesmos, que serían irreproducibles, senón métodos estándar, moi aceptados pola comunidade científica para que esas conclusións non sexan discutidas.

Utilizamos un método recoñecido universalmente e polo tanto as conclusións que se obterán serán universais.”, concluíu o profesor Ricardo Beiras.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 06/03/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 22/09/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo