Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Investigadores da Universidade preparan un proxecto de detección, seguimento e representación cartográfica do fuel

A idea é a creación dun sistema operativo en tempo real

Noelia Beceiro Lodeiro | Vigo

Javier González Castaño

A detección de manchas de vertidos mariños, tras o desastre do Prestige, converteuse nun dos obxectivos principais de investigadores e científicos. Así nace o proxecto de investigación do grupo de enxeñería telemática da Universidade, dirixido polo profesor Javier González Castaño. A finalidade do mesmo é o desenvolvemento dun sistema completo de detección en tempo real e cartografado de vertidos mariños, automatizado, flexible, fiable, rápido e preciso, baseado en técnicas hiperespectrales e sensores complementarios fusionados con elas.

Os obxectivos do sistema, e que determinarán as súas características son, o seguimento dos vertidos no medio mariño en tempo real, a determinación e cartografado das zonas afectadas nas costas e rías e o estudo da posibilidade de seguimento remoto de certos parámetros dos ecosistemas e, polo tanto, da súa recuperación.

Polo tanto, para obter un sistema de sensorización e análise de datos de hiperespectrometría apropiado para a tarefa que desenvolven é necesario abordar diversas liñas de investigación conxunta e simultaneamente.

Unha delas sería o desenvolvemento do hiperespectrómeto, da que se encargará un grupo de investigación da facultade de Óptica de Santiago de Compostela. O espectrómeto é a cámara que permitirá ver dende os avións se hai contaminación ou no. Trátase dunha cámara especial, que permite tomar a mesma imaxe con rangos moi pequenos de lonxitude de onda.

Outra das liñas de investigación é a do procesado da información espacial e espectral contida no conxunto de imaxes de xeito que se poidan realizar os procesos de detección dos vertidos e a súa discriminación respecto a outro tipo de materiais presentes en ditas imaxes, da que se encargará un grupo de investigación da Universidade da Coruña e outro do País Vasco.

Este proceso de discriminación debe realizarse en tempo real para o seguimento das manchas, o que require o desenvolvemento de técnicas e algoritmos de clasificación distribuídos sumamente eficientes e robustos. Por outra banda, requírese unha grande precisión para a creación dos mapas de vertidos.

Os clasificadores deben integrar a información de diversos sensores, e deben ser capaces de contemplar distintas condicións de iluminación ou atmosféricas, incluso durante unha mesma pasada. Hai que distinguir dúas situacións: cando se desexa controlar o vertido de materiais específicos (p.ex: derivados do petróleo) e cando se desexa monitorizara a evolución do medio para activar alarmas ante a aparición de materiais infrecuentes. No primeiro caso, trátase, de construír clasificadores ou detectores especializados a partir do coñecemento de características espectrales (baseado en mostras ou no coñecemento científico formal). No segundo trátase de construír mecanismos de identificación de espectros que descubran, de forma non supervisada, variacións significativas no medio que non poidan ser anticipadas, no caso de que non se dispoña de información espectral previa.

A Universidade de Vigo, forma parte do núcleo que orixinou a idea e encargaranse da comunicación de datos e sistemas operativos. Trátase de crear un ordenador especializado que irá abordo do avión e irá rexistrando toda a información que procede do hiperespectrómeto e dos sensores e almacenándoa nun disco duro. O sistema operativo que usará o equipo de Javier González é moi diferente o que usa un ordenador de sobremesa, “é un sistema operativo de tempo real, que garante prazos. Os tempos de resposta do ordenador deben ser máis pequenos cos dun ordenador normal”, explicou o investigador. Trátase de crear un sistema de información e procesado distribuído que permitirá a divulgación dos resultados en forma de mapas e outras informacións para os axentes que poidan beneficiarse deles, tales coma confrarías, servicios de recollida, ou servicios de monitorización da flora e fauna. Así mesmo, construirase unha base de datos de disposición pública para futuros investigadores do campo da enxeñería do coñecemento e do procesado de información hiperespectral.

Ata o de agora a única tarefa que desenvolveu este grupo foi unha selección das tecnoloxías que necesitan para levar o proxecto á práctica. Temas coma, que placa de ordenador van a usar para o sistema de rexistro, que sensores ou que sistema operativo.

Os dous grandes avances que supón este proxecto é que ate o de agora non existe un hiperespectrómeto comercial de reducidas dimensións e baixo custo, obxectivo que se propoñen. En función destas restriccións teñen que conseguir un porcentaxe de éxito na detección de manchas elevado.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 21/02/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 22/09/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo