Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Investigando novas ferramentas para unha rápida detección do fuel no mar e para previr os seus movementos

Digna Mar Besadío Rodríguez | Vigo

Jesús Manuel Torres

Os vertidos de productos derivados do petróleo son unha das maiores fontes de contaminación mariña accidental, de aí a importancia da detección, seguimento e predicción dos vertidos que conteñan hidrocarburos en augas oceánicas. Un grupo de investigadores da Universidade, dirixidos polo profesor Jesús Manuel Torres, está a levar a cabo unha investigación na que se traballa sobre a teledetección e a previsión de movementos de manchas no mar, empregando os sistemas de intelixencia artificial.

A intensidade de transporte marítimo de petróleo que transcorre a carón das costas galegas convérteas nun escenario máis que propicio para sufrir accidentes mariños con graves consecuencias sobre os ecosistemas e a economía das comunidades costeiras. O proxecto que agora se pon en marcha ten como obxectivo básico o desenvolvemento de elementos, ferramentas, protocolos e sistemas de axuda para a toma de decisións e para a organización das actuacións e das respostas ante vertidos mariños accidentais de hidrocarburos, que poidan ser empregados polas administracións ou entidades competentes no deseño e execución dun plan de continxencias.

Dado o carácter multidisciplinar das accións a desenvolver na loita contra a contaminación mariña, a investigación estructurouse coma un proxecto coordinado, constituído por varios subproxectos nos que participan un grupo multidisciplinar e interinstitucinal de investigadores de gran experiencia nos temas obxecto do proxecto, así como expertos das administracións con competencia na elaboración e execución dos plans de continxencia. Cóntase así mesmo coa participación adicional do grupo de investigación do CEDRE, organismo francés encargado de prestar asesoramento e apoio ás autoridades competentes en materia de loita conta a contaminación mariña accidental.

A investigación contempla a identificación, recompilación e avaliación das directrices, as actuacións, os medios e os recursos materiais, científicos e humanos existentes no ámbito rexional, nacional e internacional para a prevención e a loita contra este tipo de vertidos. A información recompilada e analizada por todos os grupos que forman parte da investigación incluirá as características dos contaminantes e do medio en que se produce o vertido, así como equipos, sistemas de contención, limpeza e transporte e eliminación de hidrocarburos e dos seus residuos. Ademais, incluiranse datos meteorolóxicos e oceanográficos, sistemas de observación e predicción, modelos e un mapa de sensibilidade das costas galegas con información relevante desde o punto de vista de protección de recursos.

Con toda esta información científica e técnica recollida polos expertos elaboraranse bases de datos xeorreferenciadas, manuais e protocolos de actuación, e deseñarase un sistema de información que sirva de ferramenta para a definición e execución dun plan de continxencia e para xestionar a loxística das accións asociadas a dito plan. Co fin de dispoñer dunha mellor aproximación á realidade crearase un prototipo informático de aplicación que poderá servir de referencia para a súa posible implantación por parte das autoridades competentes.

A realización deste proxecto prevé tamén a realización de propostas de programas de formación para a tripulación das embarcacións e os inspectores de buques e portos así como para os distintos niveis de operadores, técnicos e xestores que interveñen na xestión e mitigación dos episodios de contaminación por hidrocarburos.

O papel dos investigadores da Universidade neste proxecto céntrase en atopar as ferramentas axeitadas para a detección rápida de manchas deste tipo de vertidos. Ademais, desenvolverase unha ferramenta de predicción da dinámica destas manchas no mar empregando ferramentas de satélite (sensores Asar e Meris do satélite europeo Envisat) e imaxes procedentes de avións e helicópteros utilizando bandas de ultravioleta sensible.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 14/02/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 20/11/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo