Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Por primeira vez estudase a variación xenética cuantitativa para estimar os efectos xenéricos da contaminación

Profesores da Universidade avalían o impacto xenético do vertido do fuel

Noelia Beceiro Lodeiro | Vigo

Armando Caballero e Emilio Rolán

Os vertidos de fuel producen a morte e desaparición de especies no entorno mariño onde se producen, pero non todas as especies son igualmente sensibles a sucesos deste tipo en función da súa variabilidade xenética. De aí nace o proxecto de investigación que están levando a cabo varios profesores da Universidade, que conta con Armando Caballero coma investigador principal.

O obxectivo primordial deste proxecto é estimar o impacto xenético producido nos ecosistemas costeiros coma consecuencia do vertido usando unhas poucas especies de referencia de ditos ecosistemas. Ademais investigarase o tipo de especies e características demográficas que se ven máis afectadas na súa variabilidade xenética polo vertido do fuel. As poboacións de alta capacidade de dispersión, cunha distribución xeral nas costas galegas e con poboacións moi numerosas coma pode ser o caso do mexillón, o percebe ou o arneirón vense pouco afectadas por problemas de extinción, a menos que estes sexan xerais á toda a súa área de distribución. Sen embargo, aquelas especies pouco numerosas, distribuídas nunhas poucas poboacións relativamente illadas, coma algunhas ameixas (Venerupis romboidea e Pacea aurea) ou gasterópodos (Nassarius nitidus e Nassarius pfeifferi), ou con baixa capacidade dispersadora, coma pode ser o caso de varias especies de gasterópodos (Nucella lapillus, Littorina saxatilis…) de seren afectados polo vertido poderían sufrir reduccións drásticas da súa variabilidade xenética nas costas galegas.

De feito, a capacidade de recuperación das poboacións afectadas polo vertido tamén vai depender das características ecolóxicas da especie en cuestión.

Para levar a cavo esta investigación utilizarán dous tipos de ferramentas complementarias. Por un lado, usando diversos métodos de estimación da variabilidade xenética (molecular e cuantitativa), estimarase o impacto do vertido en varias especies de referencia de moluscos e crustáceos procedentes dos ecosistemas supralitoral, litoral ou infralitoral galegos. Por outra parte, mediante simulacións por ordenador e o emprego de algoritmos xenéticos de simulación investigaranse os tipos de especies e áreas máis sensibles, así coma as estratexias de recuperación das especies afectadas tales coma a necesidade de xerar hábitats ponte, o uso de migracións forzadas ou o control de vedas en especies comerciais.

A rexión supralitoral está habitada por liques, algunhas plantas e algúns moluscos, dos que podemos destacar os moluscos pulmonados Myosotella e Auricullinella, que se atopan baixo as rochas da rexión supralitoral. Esta é unha das rexións onde máis sedimentos de fuel quedan depositados e, polo tanto, estas especies deben estar moi afectadas polo vertido. Na zona litoral existe unha grande cantidade de especies perfectamente adaptadas a este ambiente en diversos grupos de organismos (moluscos, crustáceos, peixes...) inda que é menos frecuente atopar especies que se atopen ao longo de toda a costa e posúan unha capacidade dispersadora limitada (o que as faría máis sensibles para detectar os efectos xenéticos causados polo vertido). Neste proxecto de investigación se propoñen dúas especies ideais para ser usadas coma bioindicadoras dos vertidos do fuel: Littorina saxatilis, que é unha especie que se alimenta de restos vexetais e orgánicos depositados sobre o substrato rochoso, e Nucella lapillus, que é un predador que se alimenta de especies filtradoras coma o mexillón ou o arneirón. Ambas posúen unha distribución xeral nas costas galegas e son de desenvolvemento directo (non posúen larva plantónica). E, por último, na rexión infralitoral, estudiarán a variabilidade xenética en especies de crustáceos coma a centola (Maja squinado), que habita fondos de ata 50 m de profundidade.

As simulacións por ordenador resultan unha ferramenta fundamental para resolver problemas demasiado complexos coma para resolver experimentalmente. Ademais teñen a vantaxe de que non existe límite teórico para o grao de complexidade e detalle que poden alcanzar, excepto quizais polo tempo de simulación requirido.

Nos estudios experimentais sobre contaminación empréganse basicamente dous tipos de deseños: ou ben se dispón de poboacións con mostras antes e despois da contaminación, ou ben se estudan zonas contaminadas en relación a sitios non contaminados. “O primeiro deseño é preferible, ao permitir detectar os cambios producidos polo impacto contaminante de forma máis doada e segura. Sen embargo, é o menos frecuente, dada a dificultade de dispor de mostras anteriores e posteriores aos procesos contaminantes. No segundo caso a dificultade estriba en que as poboacións naturais son de por si moi variables, e polo tanto é extremadamente difícil estar seguro de que as diferencias entre o sitio contaminado e o control son debidas á contaminación. A solución a este último problema é o emprego de deseños con análise de varianza asimétricos, que empregan varias poboacións control por sitio contaminado. No noso proxecto pretendemos usar as dúas aproximacións, sempre que sexa posible”, explicou Armando Caballero.

A maioría dos estudos sobre contaminación veñen empregando marcadores moleculares para avaliar o impacto xenético producido nas poboacións naturais. O avance que supón esta investigación é “o estudo da variación xenética cuantitativa para estimar os efectos xenéricos da contaminación, que aínda non se intentou, o cal é rechamante porque a variación cuantitativa é máis relevante dende o punto de vista adaptativo e evolutivo. En organismos coma Littorina ou Nucella esta aproximación é posible dada a existencia de familias observables directamente no campo. Nestas especies tamén se coñecen numerosos marcadores moleculares que poden empregarse para o análise xenético molecular. En definitiva, a aproximación experimental proposta non presenta ningunha dificultade en Littorina ou Nucella, se ben existe un menor coñecemento das outras especies propostas”, conclúe Emilio Rolán, outro dos principais investigadores.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 07/02/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 22/09/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo