Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Investigadores da Universidade analizan os efectos do fuel en especies coma o mexillón, o percebe ou o ourizo

Digna Mar Besadío Rodríguez | Vigo

Elsa Vázquez

As consecuencias do accidente do buque Prestige foron máis alá dun forte impacto nos ecosistemas mariños, neste senso un grupo de investigadores das tres universidades galegas poñen en marcha un proxecto no que se investigará o impacto ecolóxico dos vertidos accidentais de petróleo nos ecosistemas costeiros e os seus procesos de recuperación.

A profesora Elsa Vázquez lidera na universidade viguesa esta investigación, o seu grupo centrarase nos efectos sobre a reprodución e o recrutamento de invertebrados bentónicos mariños, é dicir, aqueles animais que carecen de columna vertebral e que viven no substrato, tanto no substrato rochoso como no areoso. “Son animais que, en lugar de estar nadando, tanto poden vivir pegados nas rochas como movéndose por elas. Un percebe ou un cangrexo son exemplos deste tipo de animais”, explica a profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.

O obxectivo do proxecto céntrase en ver os efectos destes vertidos accidentais de petróleo nas comunidades de substrato rochoso costeiro desde varios puntos de vista. Un dos aspectos básicos céntrase nos efectos dos hidrocarburos nas cadeas tróficas. Neste senso, os investigadores tratarán de determinar si se pode acumular ou transmitir o petróleo desde os niveis máis baixos da cadea trófica ata os máis altos, é dicir, desde o fitoplancto ata os peixes.

Analizar os efectos dos vertidos sobre a reproducción dos organismos foi un dos temas que espertou máis interese entre a comunidade científica. Dada a imposibilidade de abranguer toda a costa e animais, nesta ocasión decidiuse centrar os esforzos no substrato rochoso porque é unha parte moi importante das zonas afectadas. No caso dos organismos escolléronse tanto especies moi coñecidas polo público en xeral como outros menos coñecidos, pero todos eles con características que os fan interesantes dende un punto de vista científico.

As especies elixidas para o estudio foron o arneirón (Chthamalus montagui), o ourizo (Paracentrotus lividus) , o percebe (Pollicipes pollicipes), o mexillón (Mytilus edulis) e un verme denominado Hediste diversicolor. “O arneirón, pertencente á familia do percebe, foi un organismo moi afectado porque case todo o petróleo chegou á zona da rocha na que vive. O percebe é tamén unha especie moi sensible aos hidrocarburos, se ben, como se encontra nunha zona do intermareal máis baixa, o petróleo non chegou de todo a este organismo en forma de mancha ou manta, senón disolto na auga e nalgunhas zonas non chegou a cubri-lo por completo. No caso do mexillón é un organismo pouco sensible, bastante duro na etapa adulta pero moi sensible na etapa xuvenil. O ourizo foi unha das especies máis afectadas e as poboacións desta especie diminuíron drasticamente en toda a costa”, explicou Elsa Vázquez.

A elaboración desta investigación basearase nunha comparación de combinacións “antes-despois”. Para elo empregaranse datos previos das zonas de estudio e zonas control ou zonas afectadas. As zonas seleccionadas corresponden a catro áreas de diferente grado inicial de afectación polo fuel: Golfo Ártabro, como zona control; Seno de Corcubión e Illas Cíes, como zonas fortemente afectadas e Ría de Arousa como zona de afectación intermedia.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 31/01/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 20/11/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo