Web actualizada hasta el 15/06/2007, fecha de finalización de la Acción Estratégica del MEC
Presentación
Organigrama
Oficina Técnica
Banco de datos
Investigación e Informes Técnicos
Divulgación científica
Normativa
Eventos
Enlaces
Dossier de prensa
Inicio
Buscar
Investigación Prestige

Un estudo permitirá coñecer os efectos dos hidrocarburos na reproducción dos peixes

Noelia Beceiro Lodeiro | Vigo

José Luis Soengas e Jesús Miguez, profesores do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde

Sábese que varios hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAH), presentes en augas contaminadas con petróleo, fuel ou productos derivados, debido á súa estructura química, comparable á dos esteroides animais, poden actuar coma disrruptores endocrinos (moléculas que se parecen a unha hormona, e polo tanto poden bloquear ou simular as accións desta hormona). Isto produciría cambios na fisioloxía dos peixes debido á alteración na producción de hormonas esteroideas endóxenas tanto na gónada como no tecido interrenal. Algúns experimentos feitos en todo tipo de especies descubriron que estes disrruptores endocrinos bloquean a acción das hormonas, é dicir, a presenza en sangue destas moléculas procedentes de contaminantes impide que a hormonas funcionen normalmente.

Dende a Universidade acaba de pórse en marcha un proxecto que ten como finalidade estudar o efecto da exposición de PAH sobre a reproducción e os mecanismos da resposta ao estrés en peixes teleósteos e a regulación neuroendocrina dos mesmos, utilizando como modelos experimentais a troita arco iris (Oncorhynchus mykiss) e o salmón do Atlántico (Salmo salar).

José Luis Soengas e Jesús Miguez, profesores do departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, son os investigadores principais. Segundo eles, coñécense varios dos mecanismos de disrrupción endocrina mediados polos PAH, pero a día de hoxe descoñécese ou están pouco claras algunhas cuestións ás que este proxecto de investigación pretende dar resposta.

A primeira desas cuestións sería se, realmente, o efecto dos PAH aumenta ou diminúe os niveis de hormonas esteroideas circulantes, a segunda, se alteran a nivel do sistema nervioso central os mecanismos de producción dos factores reguladores destas hormonas. Outro tema ao que pretenden dar resposta é como se ve modificado o efecto dos PAH sobre a función endocrina polo estado de maduración gonadal (eixe reproductor) e o grao de resposta ao estrés (eixe interrenal), é dicir, se a acción destes hidrocarburos modifica os mecanismos de resposta ao estrés normais do animal. “Calquera animal, en presenza dun estresante ten unhas manifestacións fisiolóxicas o cal produce unha serie de cambios no animal. Nós estudaremos se en presenza dos hidrocarburos ese grao de resposta ao estrés se modifica ou non”, explicou José Luis Soengas.

Outra das liñas de investigación versa sobre a acción dos PAH na función reproductora, esto é, ver se en presenza deses hidrocarburos o proceso de maduración sexual se ralentiza, se acelera, se hai malformacións, se non se forma número suficiente de espermatozoides...

“Polo de agora a investigación atópase nunha fase previa, estamos desenvolvendo técnicas de cuantificación por ELISA de hormonas esteroideas (cortisol, 17ßestradiol, testosterona) en circulación. Esta fase previa estase a desenvolver con rapidez, por exemplo, para o cortisol xa está listo, xa podemos medir os niveis circulantes desta hormona”, explicou José Luis.

Trátase dun método flexible que permitirá medir os niveis das outras hormonas. “Calculamos que en dous meses poderemos empezar os traballos de experimentación. A nivel de sistema nervioso central xa temos técnicas, que nos permiten avaliar a actividade nerviosa, a actividade de certas neuronas e como se regula a actividade da hipofisis. Isto e algo que facemos rutineiramente. O que se pretende agora é contar cunha serie de técnicas para atacar o problema en conxunto”, explicou Jesús Miguez.

As técnicas para ver como é a actividade reproductora ou as respostas fronte ao estrés (usando parámetro metabólicos) son temas nos que veñen traballando dende os últimos anos.

A parte da reproducción é especialmente interesante xa que estudarán diferentes estadíos de maduración que terán que conxugar cunhas técnicas histolóxicas. Os peixes, en xeral, parten dunha gónada inmadura que non é macho nin femia. Pasado un certo estadío de idade se diferencia segundo sexa xeneticamente macho ou femia a unha gónada masculina ou a unha gónada feminina, que á súa vez vai madurando. A súa idea é ver coma afectan eses hidrocarburos en diferentes estadíos de maduración.

A resposta que creen que atoparán é que a presenza deses hidrocarburos si vai a condicionar o desenvolvemento gonadal do peixe e as súas respostas ao estrés, estes peixes van a ser moito máis susceptibles a problemas de estrés que normalmente non os estresarían. A alteración destes mecanismos de resposta ao estrés desembocará en problemas de adaptación ao medio, co cal será máis probable que o peixe enferme ou que se desenvolva mal. No caso da reproducción o problema é máis grave aínda porque se estes hidrocarburos condicionan o correcto desenvolvemento gonadal vai ter como consecuencia que se reproduzan mal, en conclusión, que haberá menos peixes. Conclusións que se obterán a longo prazo.

“Realmente se coñece moi pouco sobre os efectos tóxicos, e a nivel endocrino concretamente, que teñen estes compostos. Este proxecto supón un gran avance nese senso. Incluso economicamente pode ter certas implicacións, inda que nós en principio non temos ese enfoque, pero si pode servir nun futuro para ter unha base de información de como se altera a fisioloxía dos peixes ante eses hidrocarburos”, conclúe Jesús.

Texto publicado no Diario Universitario da Universidade de Vigo o 06/03/2004.

Cambiar idioma a: Castellano | English | Galego Mapa de la Web | Código deontológico
© 2003-2007 OTVM
Fecha: 20/11/2017
Oficina Técnica de Vertidos Marinos
Universidade de Vigo